O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR-9) Monteval, conformado por tódolos concellos da comarca de Monterrei máis A Gudiña e A Mezquita, vén de anunciar o resultado da nova convocatoria de axudas do programa Leader da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do que Monteval xestionou a maior cantidade dos 24 GDR de toda Galicia, 664.000 euros.
Finalmente pechou cun total de 26 proxectos favorables, por valor de preto de 2 millóns de investimento no rural comarcal, sumando os orzamentos presentados e as achegas recibidas.
Nove foron produtivos (de carácter privado), con axudas dende os 100.000 (43% do total) ata os 55.000 euros (32%), e grazas aos que se manterán 37 empregos e crearanse entre 5 e 6 novos.
Entre tódolos proxectos destaca a creación dun restaurante de Km. 0 e ecolóxico, a adaptación dun local para realizar quiromasaxes ou a construción dun campamento turístico para autocaravanas.
Por outra banda, os Concellos participantes investirán 261.000 euros en proxectos de acondicionamento de infraestruturas públicas, reformas de de parques e adquisición de diversos equipamentos, grazas a achegas de entre o 82,5% e o 52% dos orzamentos presentados.